martes, 27 de julio de 2010

Roupas novas e reloxos en hora

Das cousas que máis me rechamaron da entrevista que unha vez lle fixen ao anterior presidente da RAG foi a súa peculiar visión da modernidade. Ao lembrar os seus anos de estudante de Dereito Canónico na capital italiana, advertiume Barreiro Fernández: “Ti imaxina, nos anos 60 Roma era o centro do mundo”. Dixo tal cun convencemento abraiante, e esas verbas súas foron o primeiro que acudiu á miña mente cando a nova Academia presidida por Méndez Ferrín deu a coñecer o poeta que será homenaxeado no vindeiro Día das Letras: Lois Pereiro, o autor de culto. O poeta da contracultura. O underground. O punk. Si, seguimos a falar de Galicia (e do Día das Letras).

Nun país coma o noso, no que a vangarda non acadou até hai ben pouco certo grao de institucionalización, a elección de Pereiro semellaría revolucionaria, se non fose porque en realidade só significa poñer o reloxo en hora. Calquera que non coñeza o poeta monfortino saberá identificalo na imaxe que acompaña a este texto, onde aparece canda outros escritores. O tipo chama bastante a atención, non é? Pero se cando evocamos os anos 80 pensamos axiña en xente disfrazada precisamente como Pereiro, non son os outros revivals que o acompañan (os progres setenteiros, os neo-ruralistas alla Castelao) os que terían que resultar rechamantes, por non dicir anacrónicos? Eu penso que o look e a pose de Pereiro son tan importantes coma a súa poesía. Quen non concorde con isto probablemente tampouco aturará a Warhol (e quen non atura a Warhol non entende case nada da arte contemporánea).

Lois Pereiro, visto por Reimundo Patiño

Darlle un pouco de descanso a Manoel Antonio (que segue a ser, 70 anos despois de morto, o símbolo da nosa vangarda) e incorporar nese exiguo panteón da modernidade galega alguén como Lois Pereiro, era tan necesario como recoñecer a través da figura de Carvalho Calero o labor do reintegracionismo, ou reivindicar coa de Fernández Morales o galego exterior. Era, ademais, moito máis urxente: tal e como está o panorama sociolingüístico patrio, non hai que subestimar o papel que a zamarra de cremalleiras de Pereiro pode xogar na supervivencia da nosa fala entre a mocidade actual, esa futura xeración de vellos que por vez primeira en mil anos non falará galego se algo non muda na imaxe do idioma.


O conservadorismo non podía tardar en reaccionar ao acordo da RAG. Así o constatamos na columna xornalística de Xosé Carlos Caneiro, desde onde apelou, fachendoso, á obxectividade nos xuízos literarios, un deses “valores ecuánimes e incorruptibles” segundo el traizoados coa designación de Pereiro. Dende logo, non é en xente que concibe a arte coma un asunto de demostracións que deberiamos confiar os vieiros da creación estética, agás un deles: o da mera fórmula. Porque hai algo moito peor ca un reloxo que atrasa: o que está parado, por non falar dos que confunden o inmobilismo que afoga o seu pulso coa eternidade.

Publicado n' A Peneira nº 506, xullo de 2010